martes, 17 de maio de 2016

Día das Letras Galegas 2016, Manuel María.


Poema aos viños do Miño 

Meus amados viños das ribeiras do Miño:
en vós bebo o misterio da terra
e todos os segredos deste mundo.

Viños de Portomarín, lixeiros e algo
acedos:
¡matades a sede universal
dos pelegrís que van a Compostela!

Viños de Chantada, Chianti noso,
sodes vós un canto antergo,
un doce, delicadísimo alalá
que no corazón nos pon un merlo novo.

Meus viños puros da Ribeira Sacra
que rezades antífonas e salmos
para absolvernos de todos os pecados.

Viños ourensás, esencias do Ribeiro
rebentando en rubís escintilantes:
estades e estaredes para sempre
no verso inmortal de Afonso o Sabio
e a nosa lembranza apaixonada
de devotos mais cautos bebedores.

Viños do Condado con finas, sutís
e saudosas nostalxias portuguesas,
bos para namorados melancólicos:
¡que o amor incendie as nosas veas!

Viños do Rosal, no Baixo Miño,
con gracia xentil do voso nome,
agarimados xa da brisa atlántica:
¡facédeme ledo o corazón
e alertádeme o espíritu
cara o alén de todos os misterios...!


                                            Manuel María. O Miño canle de luz e néboa (Espiral Maior, 1996)