mércores, 26 de outubro de 2016

100 anos da chegada de Federico García Lorca a Galicia.


Un de 26 outubro, hai cen anos, Federico chegaba a Galicia a quedar para sempre.  Aquel rapaz andaluz marcharía e volvería unhas cantas veces, e agasallaríanos a todos coa súa amizade e cun poemario en galego. Non se pode entregar máis.

Escoito ao meu avó Roberto falar con orgullo dunha das visitas do poeta a Pontevedra. O seu tío Luis fora a recibilo, entre outros membros do Comité de Cooperación Intelectual e da revista Cristal, á estación de ferrocarril. Na súa estancia, o poeta granadino tivo tempo de pasear, de cantar, de tocar o piano e de compoñer un soneto para a ocasión. Mesmo no paseo cos seus anfitrións, atopou a Celestino Poza, irmán de Luis, compañeiro seu na época da Residencia de Estudiantes. Déronse unha emotiva aperta e parolaron animadamente, poñéndose ao día sobre os seus compañeiros, Severo Ochoa e Salvador Dalí... este último, bromeou Federico, "andaba cos seus exercicios espirituais en Cadaqués".
No ano 1935 sairía publicado o poemario " Seis poemas galegos" pola editorial Nós de Ánxel Casal, escrito en lingua galega e prologado por Eduardo Blanco Amor. Non se pode pedir máis.

Pouco despois, chegaría a barbarie. A ditadura perseguía a beleza e a intelixencia, e Federico era moi abondoso nelas. Sufriría a mesma sorte que Ánxel Casal, Luis Poza, e outros e outras, asasinados hai oitenta anos.

Moitas foron as amizades que trabou García Lorca en Galicia, e aquí queríamos lembralo e agradecelo, xa que, como os seus poemas, quedarán para sempre..